Sunday 08 de September de 2024

Neda adxudica por segunda vez o cambio da cuberta e das fiestras do salón de actos da Casa da Cultura


A renuncia da anterior construtora retrasou estas obras de mellora, nas que o Concello investirá algo máis de 68.000 euros

O Concello de Neda vén de adxudicar por segunda vez os traballos de substitución da cuberta e das fiestras do salón de actos da Casa da Cultura, tras a renuncia da construtora á que se lle contrataran as obras a finais do pasado ano. Investiranse un total 68.159 euros nas obras, destinadas a poñer fin ás filtracións de auga, derivadas do mal estado da instalación de pluviais do edificio, e aos problemas de humidade, rexistrados nos últimos invernos.

Será finalmente a firma Anllar Mantenimientos y Construcciones, SLU a que se ocupe de executar o proxecto, incluído no POS+2023, e consistente na retirada da cuberta orixinal de fibrocemento, habitual nos anos de construción do inmoble (1960). Trátase dunha intervención que requirirá de equipos especiais de eliminación de amianto. Despois dotarase ao equipamento cultural dunha cuberta nova de panel sándwich de aceiro galvanizado, e unha axeitada rede de augas pluviais.

O proxecto contempla asemade o cambio das fiestras do salón de actos da Casa da Cultura por unhas novas de PVC, bicolor e dotadas de persiana. Unha substitución que mellorará a acústica e o confort térmico deste espazo.

Os traballos previstos, que contan cun prazo de execución de dous meses dende a sinatura do contrato, permitirán acabar coas constantes actuacións de mantemento que se fan no tellado, e contribuirá a reducir o consumo enerxético dedicado tanto a quentar como a arrefriar o inmoble nas diferentes épocas do ano.